Opinión

Excesos verbais incluso cos seus

CUMPRE coa norma implícita de que ocupar unha portavocía parlamentaria leva aparellado agresividade. Como se dar voz a un grupo no Congreso non puidera achegarse máis á mesura que á esaxeración. Vai Álvarez de Toledo pisando fochancas, cando non callos, ás veces ata dos seus, nada que non se sospeitara vendo a súa traxectoria, porque a continencia verbal non é unha das súas virtudes. Agora ten de unllas os seus compañeiros do PP vasco, aos que acusa de tibieza co nacionalismo. E non nunha data calquera, senón cando celebran o seu congreso. Non tivo mellor forma de dinamitalo e de paso exteriorizar as diverxencias dentro do partido. Populares galegos e vascos teñen unha visión distinta á de Casado, pero as diferencias non se fixeron notar tanto como agora grazas á portavoz parlamentaria, que se fora do partido pola moderación de Rajoy e volveu coa dirixencia máis radicalizada.