Opinión

Estratexia de nulos réditos

OS DESAFORADOS ataques contra Podemos desde a dereita resultan a peor estratexia para recuperar poder. O desgaste do partido de Iglesias non beneficia ao PP nin a Vox, senón que quen saca réditos é o outro socio do Goberno. Canta máis diferencia haxa porcentualmente entre o primeiro e o segundo partido, maior separación se produce en escanos, pola contra a oposición beneficiaríase dunha maior proximidade no reparto entre os dous partidos de esquerda. Porén, semella buscar máis a defenestración podemita que a mingua socialista. Arremeter contra todo non é a mellor fórmula para conseguir máis apoio cidadán, porque se disemina a potencia en vez de centrala contra un obxectivo, que visto en clave electoral debería ser a formación que sustenta o presidente do Goberno. Podemos coas contas e o enleado da súa exasesora e o PP con Kitchen e a caixa b deixan aos socialistas camiño libre aínda que a súa xestión non sexa a máis atinada.

Comentarios