Opinión

Espectáculo do PSOE

NADA QUE que obxectar aos pactos que o PSOE subscribiu por España adiante, sobre todo con Podemos, pero tamén con Ciudadanos e máis outros partidos para alcanzar o poder, compartido onde non podía ser en solitario. Alá cada quen coas súas unións. Non vou criticar eu esa postura, porque logo de ver o taboleiro político imos ternos que acostumar a que o de mandar un só vai ser excepción. Logo os cidadáns xa premiarán ou castigarán. Outra cousa é o espectáculo socialista dado en Galicia na negociación para as deputacións, sobre todo para a de Lugo, onde primeiro deixan tirado a quen ocupa a secretaría xeral na provincia para darlle a súa confianza a un imputado, ao que logo presionan para que non sexa o candidato con tal de obter o respaldo imprescindible do BNG. Apelarán á democracia interna, pero este esperpento denota falta de liderado nun proceso que o precisaba.

Comentarios