Opinión

España convertida en insulto

RESPECTO eterno. Así pecha Rufián a súa despedida a Iglesias. Contrasta coas descualificacións que lle dedican unha manchea de persoeiros, recreados na aldraxe. Un periódico recolle as dedicatorias de coñecidos deportistas que xa tiñan exteriorizada a súa ideoloxía extrema como Iván Campo, Reina ou Soldado. Rata é o insulto menos ofensivo que lle dedican a quen se converteu na persoa máis atacada política, xudicial e persoalmente en España nos últimos anos.

Non é excepción o agravio, sobrados hai exemplos da desconsideración aspersora en todo o espectro político a esquerda e dereita nun país crispado que non se recata en ofender. É certo que as redes amplifican a tendencia, pero reflicten a propensión da sociedade, que cae en faltas de respecto en todos os ámbitos, pero onde máis se aprecia é cos nosos representantes, todos eles dianas de ofensas que retratan máis a quen as profire que a quen as recibe e que en nada favorece a convivencia.

Comentarios