Opinión

Entrada cambaleante en precampaña

AZNAR estáballe sacando o protagonismo a Aguirre como azoute interno de Rajoy. Pero cando parecía que estes eran ataques esporádicos que apenas perturbaban a paz popular e que as prendas sucias, á parte destas, se lavaban de portas para dentro, chega Montoro e incendia a casa común.

Máis que o dano inflixido no País Vasco coa dimisión da presidenta do partido, incomprendida por Madrid no seu intento de buscar solucións para a mellora da convivencia, o conflito xerado polo ministro de Facenda abre unha fenda que en nada axuda a recuperar a confianza dos votantes a pouco máis de dous meses para as eleccións xerais.

Xa o ten mal o PP co desgaste sufrido no Goberno, apenas atenuado polos datos económicos, como para andarse disparando no pé e distraéndose en liortas internas das que transcende que algúns dirixentes se avergoñan do partido. Peor precampaña imposible.

Comentarios