Opinión

Enfermidades e fame como armas

AS GUERRAS teñen as súas normas internacionalmente recoñecidas, a maioría das veces incumpridas, iso si; pero o conflito bélico actual en Oriente Medio non se trata dun enfrontamento entre Estados, porque o israelita existe e o palestino non. Entón as leis son distintas, trátase dun choque interno no que o agresor non ten límites como resposta ao ataque de Hamás polo asasinato de centos de israelitas. E incluso se recorre á fame como arma de guerra inusual, por iso o Estado hebreo bloquea a axuda humanitaria a Gaza ou ataca ONG que levan comida a unha poboación desesperada que se non morre polos bombardeos pode facelo de inanición e por enfermidades, que se propagan case pandémicas polas cada vez máis minguadas condicións hixiénicas. Exterminio cos peores métodos. Xa van máis de 33.000 mortos. E a pesar da retirada táctica do Exército, isto non para, por moito que o apoio estadounidense a Israel xa non sexa ilimitado.