Opinión

Empurrar pode revirar

A MOITOS dirixentes socialistas cataláns empurráronos cara o independentismo. Así o indicaba o exdirixente Joaquim Nadal cando ocupaba cargos institucionais e o secesionismo aínda era residual. Diso pasaron máis de vinte anos e agora a sociedade está dividida case a partes iguais. Pois algo parecido está sucedendo en España co PSOE, que o están acantoando contra a monarquía, cando agora mesmo é o baluarte que a sostén. Se os socialistas, historicamente republicanos, se reviran e rachan cun pacto que supera as catro décadas a balanza desequilibrarase cara a outra beira. E niso parece ser que se están obstinando forzas políticas pola parte destra que unen a súa existencia mesma á do Rei. O PSOE de momento mantense fiel á monarquía (Pedro Sánchez non vai "socavar as bases da monarquía parlamentaria", dixo) a pesar de que o 60% dos seus votantes ven un rei impropio en democracia. Por iso, é un risco considerable empurrar, como fan.

Comentarios