Opinión

Eliminación con rastro

A amizade cede e non por falta de querenza, senón porque xa non interesa. Dirixentes europeos renegan do invasor cando antes era un referente. Le Pen, en pleno proceso para a elección presidencial francesa, eliminou 1,2 millóns de folletos nos que aparecía nunha foto con Putin. O italiano Salvini ata se fixo unha camiseta coa efixie do dirixente ruso que luciu en actos públicos e o húngaro Orban mantén unha pecha relación con el. A extrema dereita ten paixón polo agora considerado xenocida, criminal, asasino e uns cantos adxectivos descualificativos máis. Abascal, que hai pouco reuniu en Madrid varios destes e outros dirixentes amigos, descartou «por prudencia», non por aversión, visitar o Kremlin. Outros extremistas, como Hazte Oír, si teñen, ou pretenderon, apoio económico dun oligarca ruso incluído na lista negra de Washington por financiar grupos militares prorrusos en Ucraína. Agora todos repudian, pero o pasado deixa rastro. 

Comentarios