Opinión

Dobre agresión

ALGÚNS non o entenden e outros non teñen reparos en exteriorizar o seu machismo e así participan, uns por deixadez e outros activamente, na dobre agresión ao culpar á vítima con tal de atacar a igualdade, ou sexa, o feminismo. Porque unha agredida sexualmente parece que ademais teno que sufrir ou en silencio ou amosando eternamente a súa aflición. Pseudoxornalistas de ultradereita afánanse en cuestionar á damnificada, como en tempos xustificaban á manda de Pamplona, e danlle pábulo aos defensores dun comportamento aínda arraigado nunha sociedade que maioritariamente xa non o admite. Ven con normalidade que un xefe bique unha empregada, que outro lle pase o brazo polos ombreiros e que un máis utilice as dúas mans para collela da cintura, cando non lle dá unha palmada na nádega. Non ten por que haber violación nunha agresión sexual, pero moitos non o entenden e aínda hai quen se esmera en defendelo e culpar as vítimas.