Opinión

Disimilitudes en tempo e partido

NON SE parece apenas ao ocorrido en AP a finais dos noventa do pasado século, aínda que teña algunha similitude; nin moito menos á loita polo poder no PSOE na súa última crise. Casado deixa a dirección do partido despedido con aplausos polos deputados que o abandonaron sen pelexar pola continuidade; pola contra Pedro Sánchez deu batalla interna para recuperar o liderado. A semellanza co que aconteceu antes da refundación no PP é o suicidio político dos líderes, Hernández Mancha cunha moción de censura sen sentido contra unha maioría absoluta sólida e o desta volta presidente con erros continuos, vaivéns estridentes e a teima de non permitir asomar valores emerxentes no partido que deixaron aos populares sen norte e a crenza de que con el non se alcanzaría o Goberno a pesar das condicións favorables. O enfrontamento con Ayuso foi a escusa para o seu derrubamento, a súa tumba e a segunda oportunidade para Feijóo.