Opinión

Diferenzas no Goberno

Que no goberno existen distintas sensibilidades é obvio, pois trátase dunha coalición; incluso dentro dun mesmo partido hai distintas tendencias, pero non soen transcender, para que semelle unidade máis que pluralismo. Ás veces, por interese particular dunha parte, exteriorízase ese conflito, e no Executivo español iso ocorre de cando en vez, sobre todo porque o máis feble en representación, Podemos, precisa protagonismo ao non poder marcar sempre a axenda, trasladarlle aos cidadáns que algo de interese non se aproba por culpa do outro coligado. Non sucede o mesmo en todos os pactos, no Concello de Lugo por exemplo mantense a harmonía entre PSOE e BNG, quizais porque ambos os dous aínda recordan as desavinzas de cando gobernaron Galicia entre 2005 e 2009, culminadas coa derrota ante Núñez Feijóo. Amosar diferenzas nun Goberno non gusta aos electores, pero algúns prefiren iso antes que quedar na intranscendencia mediática.

Comentarios