Opinión

Despois de Galicia e País Vasco, Cataluña

NADA MÁIS pasar as eleccións vascas que deixaron a todos satisfeitos, ou iso proclamaron, xa chega a campaña das catalás. Sen parangón unhas e outras, como tampouco o había coas anteriores galegas, comezando pola pluralidade: tres partidos en Galicia, seis en Euskadi e as enquisas apuntan a oito en Cataluña. Cada comunidade ten as súas peculiaridades, polo que non se pode extrapolar á política española por moito que teimen os nacionalistas estatais, nutrientes dos nacionalismos periféricos coa súa centralidade unitaria sen diversidade. Malia iso, as mensaxes partidistas foron ben distintas en Galicia e en Euskadi, e seguro que en Cataluña haberá unha terceira liña. Nesta esquina galega cargáronse as tintas sobre Eta e a amnistía, episódicos na pasada campaña vasca e seguramente tamén accesorios na beira catalá, pero aínda así a máis determinante para a política española, que sempre ten algunha parte como diana para reafirmarse.