Opinión

Desavinzas gobernamentais

NON SON BEN recibidas pola cidadanía as desavinzas nun Goberno, calquera, sexa unitario ou coligado, porque a falta de sintonía presupón a ausencia dunha xestión uniforme. Por iso non é habitual que transcendan os enfrontamentos, que todos se coiden para evitar controversias, pero neste primeiro Executivo central entre dous unha das partes fai por exteriorizar a rivalidade, posiblemente con ánimo electoralista, aínda que esta estratexia non lle reporte moitos resultados, a teor das enquisas (prohibidas por lei en España, pero permitidas en Andorra, que son as que se ven agora sobre Cataluña). Quere marcar territorio Podemos para diferenciarse do seu socio, algo que leva facendo desde que entrou no Consello de Ministros, aínda que nesta última campaña electoral se volvera máis evidente. Esa mesma táctica utilizárona PSOE e BNG na Galicia pre-Feijóo e así lles foi. Resultado: abandono da Xunta tras un único mandato, e diso xa pasaron doce anos.