Opinión

Demasiados "casos illados"

TANTOS "CASOS illados" de corrupción arrumban ao PP. Todos os partidos teñen podremia que agochar, pero por ocupar o poder na actualidade parece acaparar o sambenito que nos deu por lle colgar a calquera persoa polo feito de ser político, por moito que sexa excepción. Entre os miles de cargos públicos honestos, na memoria colectiva quedan os outros nomes, antes figuras de prestixio e agora en entredito penal ou fiscalmente. Ata hai nada, o Consello de Ministros aparecía incólume ante tanta descomposición que o rodeaba, pero xa nin iso. Os Papeis de Panamá fixeron estragos e a retirada forzosa dun membro do Goberno deixa outra cicatriz no presidente, que dificilmente se mantén a flote, pero non enxoito, no inmenso lameiro. As dimisións —o ministro, o alcalde de Granada— atenúan o problema, pero o mal queda feito, e nunhas eleccións para millóns pode primar por riba da xestión.

Comentarios