Opinión

Delincuencia na estrada

IMAXINO que será unánime sentir a morte de calquera persoa. Por iso entendo que Cañizares, que foi entre outros equipos porteiro do Celta, estivera triste pola morte doutro xogador de fútbol, Reyes, pero iso non ocultaba unha preocupación menos estendida na sociedade do que debera, os excesos nas estradas. A velocidade inadecuada, alcoholemia ou calquera outra transgresión das normas son as responsables da maioría das mortes no coche. 1.180 o pasado ano en España. A delincuencia está moi arraigada ao volante a pesar das campañas para alertar dos riscos. Non hai máis que saír á rúa para decatarse da cantidade inxente de infractores. Á altura de calquera radar os freazos e aceleróns posteriores denotan a inobservancia dos regulamentos, pero en calquera rúa non fai falta poñer un limitador para advertir as velocidades inaxeitadas. Son delitos no asfalto, aínda que non alcancen a 237 por hora e sexan menos chamativos cós dos kamikazes.

Comentarios