Opinión

Cuestión capital para a harmonización

DESCENTRALIZAR non é esnaquizar. É un reparto máis equitativo no territorio. Neste estado das autonomías que se desenvolveu logo da Transición e permanecerá eternamente inconcluso a diferenza dun federal fóronse transferindo poderes, mentres que Madrid acaparou as institucións centrais, pero tamén o poder económico ao concentrarse aí as grandes empresas. Sánchez reabre o debate descentralizador dos organismos públicos, pero só dos de nova creación, non nos xa instaurados. Suráfrica é exemplo de reparto, con tres capitais, Pretoria a executiva, Cidade do Cabo a lexislativa e Bloemfontein a xudicial, ás que se sumaría Johannesburgo como económica ao ser o principal centro de negocios do país. Aquí non, aquí Madrid acapara os tres e boa parte do cuarto, pois é a terceira cidade europea en sedes operativas de multinacionais. Repartir poder, levando institucións a Barcelona, Vigo ou Sevilla, non crebaría España, máis ben harmonizaríaa.

Comentarios