Opinión

Crise humanitaria

Non hai que irse a Siria ou Bangladés para corroborar a existencia de indignas condicións de vida nunha crise humanitaria que se acrecenta. Non fai falta chegar a campos de refuxiados. Aquí, á nosa beira, tamén hai marxinados lanzados á exclusión social, como os que ocupaban unha nave abandonada en Badalona. Catro persoas (persoas, si, aínda que non sexan nativas deste país, pero persoas coma as demais) faleceron nun incendio, igual que outros centos delas perecen cada ano na procura dunha vida mellor, en pateira, saltando valados, cruzando fronteiras. A UE —porque o problema non é exclusivo dun país— non ofrece solucións ante unha política migratoria frustrada que só serve para dar ínfulas á extrema dereita xenófoba e racista que incluso recorre a fake news para fomentar o odio contra os inmigrantes, legais e ilegais. Critícase o auxilio social cando non lles permite saír da marxinación nun país que necesita xente. Sen rumbo.
 

Comentarios