Opinión

Cos da feira ou cos do mercado

PEDRO SÁNCHEZ pretende ir cos da feira e volver cos do mercado, de tal xeito que se fose galego caeríase no estereotipo fácil de acusalo de que nin sobe nin baixa porque pensa que no medio achegaranse a el de arriba e de abaixo. Pero ao fin é posible que teña que decidir entre os de andares separados e optar por un porque dificilmente vai poder xuntar aos dous. Por iso, temendo que as posturas dos seus dous potenciais socios sexan irreconciliables, xa está esculcando posibilidades con outros grupos. Entón todo indica, como teme Ciudadanos, que rompa con eles para achegarse a Podemos e contar coa abstención dos dous partidos separatistas cataláns no Congreso, e nesa dirección iría a reunión pública con Puigdemont e a secreta con Junqueras aínda que irrite en sectores do seu propio partido. Os números son os que son, e esa é a única probabilidade ante a difícil confluencia de Iglesias e Rivera.

Comentarios