Opinión

Contrastes fotográficos

NON É SERIO que unha ministra se saque unha foto nunha emblemática praza de Nova York rodeada de colaboradoras sen outro quefacer que posar para a posteridade, non como a presidenta dunha comunidade, que aparece no mesmo lugar en compañía de varios membros do seu séquito, incluído o seu asesor principal, con histriónico ademán e xesto surfeiro, que iso si que amosa a transcendencia da viaxe. Non é de recibo que a representante do Goberno central apareza nunha instantánea que non reflicta o traballo desenvolto segundo axenda pública, non como a titular do Executivo autonómico, que noutra imaxe se manifesta semioculta detrás dun peluche xigante de gorila, que iso si que é xestionar con tino unha institución para beneficio cidadán. Por iso a oposición reclama a dimisión da ministra e pola contra enxalza a visita da presidenta, incluso ela mesma se vangloria do feito en Estados Unidos, como gran estadista facendo o signo da vitoria.