Opinión

Comezou cando debía rematar

CEAMOS tarde e quedamos diante do televisor ata as tantas, un hábito insán porque o día seguinte hai que madrugar e cumprir laboralmente aínda que non se pase das insuficientes seis horas de sono. As cadeas públicas e privadas españolas teñen os seus mellores programas a deshora e chegan ás veces preto da unha da madrugada.

O prime time é tardío en comparación co resto de Europa, por iso o debate electoral comezou cando debería rematar. Houbo intentos de adianto horario dos principais espazos en algunhas televisións, pero non callaron na grella porque foron penalizados polos espectadores, que teñen outro ritmo neste desfase. Pero iso non debería importar nas televisións públicas, contempladas como servizo, en contraposición aos fins comerciais. E iso precisa acordos políticos, pero dificilmente os poden alcanzar cando nin son capaces de fixar un debate a unha hora axeitada. Nin acordar sequera que haxa debates.

Comentarios