Opinión

Cinco mulleres no 2 de Maio

NON ERA un concurso de misses, de exclusividade feminina, prototipo de utilización da muller como obxecto. Non. Tratábase da imaxe institucional pola celebración do 2 de Maio, con cinco mulleres representando algúns dos máis altos postos do escalafón estatal. Vista a imaxe coas presidentas da Comunidade e da Asemblea de Madrid, da alcaldesa, da delegada do Goberno e da vicepresidenta podería parecer que mudou España na súa progresión pola igualdade de xénero, cando dista bastante da realidade. No Congreso a proporción aínda está en torno ao 40-60, e no Goberno hai 5 por 9. E en canto a retribución por traballo, España segue á cola en Europa, ao percibir as mulleres máis de 4.600 euros menos ao ano que os homes. Que houbera cinco varóns na foto non transcendería, pero ao tratarse de cinco féminas si. Avanzouse, pero moito queda por andar ao ver mulleres como excepción.

Comentarios