Opinión

Chámanlle leis, pero é política

OS NOSOS representantes en Congreso e Senado, os lexisladores, son elaboradores de normas que logo se poden descifrar a conveniencia, porque desde a lei máis elevada (a Constitución) ata o texto de menor rango son interpretables. Por iso na pasada lexislatura se lle permitiu a UPyD ter grupo parlamentario aínda que non cumpría coa premisa de alcanzar o 5% dos votos en todo o territorio (4,69%), e pola contra non o puido formar Amaiur por non alcanzar o 15% nunha circunscrición (14,86%). En 2000 a interpretación aínda fora máis radical, pois non houbo impedimento a que Coalición Canaria sumara os deputados de UPN para lograr grupo, pero ao BNG non lle permitiron o préstamo de PNV e CiU para o mesmo. Dependía da afinidade política, igual que agora con En Marea, porque se fose imprescindible para que un partido gobernase a interpretación da norma sería distinta. Regateos.

Comentarios