Opinión

Causa común polo noroeste

DOUS populares e un socialista fan causa común. Os presidentes de Galicia, Asturias e Castela e León, xa unidos noutras ocasións a pesar das diferenzas de partido, reivindican xuntos o corredor atlántico de mercadorías para conectar coa rede europea, Portugal nunha beira e Francia na outra. Un chanzo máis dos que se teñen andado para non avanzar nada nunha iniciativa que xa vén de doce anos atrás, cando todas as comunidades do norte peninsular asinaron unha declaración na defensa da autovía ferroviaria que serviría para o desenvolvemento desta área e con iso reducir a fenda co este do país, que xa leva adiantado o corredor mediterráneo. Iso amosa o distinto peso político e de trato en cada unha das zonas, con Cataluña e Comunidade Valenciana como estandartes, e a escasa receptividade do Goberno central. É unha cuestión de disposición, e na Moncloa non se aprecia moita, aínda que a creación dun comisionado desta vez si pode ser un chanzo arriba.

Comentarios