Opinión

Caótica democracia

DISTAN moito de ser definitivos uns resultados electorais de Estados Unidos que, todo parece indicar, levarán o candidato demócrata á presidencia. E isto no país máis poderoso do mundo, que neste conteo de votos parece unha república bananeira, con acusacións de fraude sen sustento, ameazas de sacar as armas á rúa para manterse no poder e un proceso legal que enzoufará un sistema que ata agora foi incuestionado por moi imperfecto que resultase. Trump non soubo gañar hai catro anos nin agora acepta a derrota, cando os datos, se se confirman, xubílano politicamente, algo impensable para alguén de tan alta egolatría que fixo da presidencia un reallity. Un derrotado aspirante demócrata no século XIX resaltaba que a continuidade da democracia depende en boa parte de quen non gaña, pero ao aínda presidente iso dálle igual, porque non asume que deberá pasar ao club dos ata agora só dez mandatarios que non conseguiron a reelección.