Opinión

Candidato a saír ou a seguir encaixando



TIVO OPORTUNIDADE de facelo aproveitando a retirada das dúas ministras candidatas ás eleccións de maio, pero o presidente do Goberno non considerou oportuno prescindir de Grande Marlaska á fronte de Interior. Ao mellor foi porque non se sabía que o aínda titular da carteira recibiría ao día seguinte un novo lapote, dos moitos que xa ten encaixado desde que chegou á primeira liña política, a obrigada restitución na xefatura da comandancia da Garda Civil de Madrid de quen destituíu por falta de confianza. Un ministro cometeu unha ilegalidade. Así o decreta o Tribunal Supremo, que sitúa o outrora xuíz conservador do CGPJ a proposta do PP como candidato preferente a deixar o Executivo, a non ser que se manteña para que siga sendo utilizado como pimpampum, Irene Montero á parte. Un interposto para que os disparos opositores, a esgalla ás veces, paren antes de alcanzar o presidente. Un xeito de embaucar os rivais e dirixilos a obxectivos menores.