Opinión

Bruxa

TEÑEN ofendido con maior exceso verbal: "Fillo de puta", "porco", "lixo humano"; non estraña outro novo insulto. Os representantes ultradereitistas non escatiman invectivas, principalmente a Podemos e PSOE, incluso nas institucións. O último, proferido contra unha deputada socialista no Congreso: "Bruxa". Que como tal podía acabar na pira funeraria, igual que moitas outras mulleres pereceron a mans do fanatismo inquisidor en séculos escuros. Debatíase sobre o aborto, e claro, a mellor forma de rexeitar a liberdade da muller para non ter fillos era inxuriando, para satisfacción de todos os seus, que non admiten a expulsión do ultraxante dunha cámara que tende a reconverterse en barra de bar na que resolver as diferenzas a berros e improperios. Torquemada revivido na busca da conversión baixo ameaza de fogueira, na que expiar todos aqueles que non comunguen co pensamento único confiscador dos bens dos herexes, incluso o máis prezado.