Opinión

Beiras débiles de Goberno e oposición

A LEI DO SÓ si é si converteuse no principal ariete opositor contra o Goberno, e si, este fai dano na coalición porque a liberdade dos violadores é moi sensible socialmente e amosa contradicións entre os socios. Moitas outras armas anteriores resultaron baldías, sobre todo as económicas porque a pesar de todos os malos augurios a situación é favorable, aínda que sempre mellorable, claro. Igual que a sanidade se volveu máquina de asedio contra o PP a través do golpeo nos executivos autonómicos madrileño e galego e tamén amosa contradicións no partido, que por un lado menospreza as manifestacións e publicita como se fose idílica a prestación e insuperable o investimento nesta parcela pública tamén moi susceptible na sociedade, pero por outro culpa ao presidente das insuficientes prazas MIR como única eiva cando Sánchez leva na Moncloa os mesmos anos que un médico necesita para a especialización. Flancos febles no Goberno e na oposición.