Opinión

Atentados contra o xeito de convivir

ATA HAI pouco Bélxica vivía en paz, igual que a maioría dos países europeos. Tamén antes Gran Bretaña e Francia, pero o terror xihadista cambiou a tranquilidade pola incertidume nos seus habitantes. O pánico é a súa vitoria. Este temor conleva un risco de pecharse en nacionalismos estatais e illarse dentro de Europa. Iso é o que busca o islamismo radical coas súas accións no corazón do continente, ante o que a resposta debe ser conxunta, non individual de cada país, porque non se ameaza un territorio concreto, senón algo máis etéreo; é a agresión á democracia e á liberdade, ao xeito de convivir. Pero esa fortaleza como resposta debe fuxir de populismos que fomenten a xenofobia ao estilo de precandidatos republicanos de Estados Unidos e doutros dirixentes europeos que aproveitan os atentados para a súa guerra contra a emigración. Esa división tamén é o seu triunfo.

Comentarios