Opinión

Aprendizaxes

É un luxo a sanidade pública que temos. Esta frase, por reiterada, é tida por certa, e non está lonxe de ser real. Pero, como todo, é mellorable. Nesta grave crise miramos e aplaudimos o sistema, incluídos liberais que o rexeitaban e que a partir de aquí non deberían insistir nas súas mensaxes privatizadoras; se ben na última década sufriu un debilitamento que en España o levou a unha inversión inferior ao 6 por cento do PIB, cando en Europa está nunha media superior ao 7,5 por cento. Non colapsou aínda -precisamente o confinamento é o que pretende evitar-, pero esta situación debería servir de aprendizaxe para entender que en vez de desgastar un dos principais piares do Estado de benestar é preciso fortalecelo. Porque en situacións como esta, ou incluso noutras menos graves, abandónase o liberalismo para mirar ao Estado como subministrador de recursos, e así debería ser como cumio da colectividade. Que para iso está.

Comentarios