Opinión

Amigos por ser poderosos

COMO nada en petróleo e é poderoso, todo se lle permite, e incluso se lle concede a organización dun dos eventos planetarios máis importantes, un Mundial de fútbol. Pero segundo se vai achegando, máis renxe que unha monarquía absoluta medieval poida afrontar un acontecemento deste tipo, ao que chegan miles de persoas da máis diversa procedencia e tendencia. Onte circularon polas redes entrevistas ao presidente do comité organizador nas que garantía a transixencia coa homosexualidade, sempre e cando non se exteriorice, pero ocultando que no país está penada con máis de cinco anos de cárcere. Non existen partidos políticos, non hai eleccións e impera a lei islámica. Discrimínase a muller e os periódicos existentes son propiedade da familia real, pero o país é amigo, porque como dixo o actual adestrador do Barça, non é democrático «pero funciona mellor que España», e logo criticamos estados como Venezuela, pero rendémonos ante Catar.