Opinión

Acumúlaselle a faena

AMONTÓANSE as gavelas, dicíase no medio rural cando o traballo sufocaba. Pois iso é o que lle está acontecendo na actualidade ao Goberno e ao partido que o sustenta, pois non sae dunha lea para meterse noutra, se non ocorren todas á vez. Semellaba que o asunto catalán se relaxaba, cando un tribunal alemán lánzalle unha labazada á Xustiza española, e aínda que na teoría existe separación de poderes, o golpe recibiuno de cheo o Executivo. Recorre á desesperada presentar o proxecto de orzamentos sen ter garantía de aprobalos porque ata agora só conta co apoio de Cs, curiosamente o partido máis atacado na última convención popular. A cargo das contas públicas os xubilados están en pé de guerra e nin os aquieta o anuncio de subida de pensións logo do pírrico 0,25%. E mentres, Cifuentes segue parapetada detrás dun máster do que non se debe facer en política. Demasiadas gavelas.

Comentarios