Opinión

Acubillar pantasmas

O QUE para o presidente é atenuante, debería ser agravante. O accidente do Yakovlev no que morreron 62 militares españois dáo por amortizado Rajoy porque pasou hai moito tempo. Porén ese é o problema, que a resolución do Consello de Estado ocorre case 14 anos despois. Está claro que o ditame que responsabiliza do sinistro ao Ministerio de Defensa é intranscendente xudicialmente, pero adquire un rango político que elimina a quen daquela estaba á fronte dese departamento para calquera cargo de representación pública institucional. Como unha pantasma permanente, o PP non consegue desfacerse dela por moito que quen compartía daquelas Goberno con Trillo á fronte do Ministerio de Presidencia defenda como principal argumento que iso é pasado. Pero o Yak, igual que o Prestige ou a guerra de Iraq, quedan marcados no debe do partido por máis que insista en acubillalos.

Comentarios