Opinión

A demagoxia viaxa en Ave

Galicia é infraestruturalmente anárquica, igual que Lugo está viariamente abandonada. Por iso o debate político que de cando en vez se produce coas autoestradas ou camiños de ferro como argumentos a lanzar contra os rivais produce proído na cidadanía, porque nin uns nin outros foron nin son quen de argallar un esqueleto necesario para unir o territorio, autonómico nin provincial. Trens lentos e autopistas permanentemente en proxecto ou inexistentes son eivas que os partidos se esforzan máis en resaltar que en reparar, incluso estando no goberno. E así volve o Ave encher de demagoxia o debate público cando todos son conscientes de que a Lugo non chegará e existen dúbidas serias de que incluso se dote dunha vía rápida a Ourense. E mentres a estación intermodal durme o soño perenne, a unión con Santiago nin se suxire e a rede de cercanías parece unha entelequia. Desolador.