Opinión

A pandemia da xente non vacinada

A quinta onda está sendo impulsada polas variantes que petan con forza. O SARS-CoV-2 coa variante delta leva ata mil veces máis carga viral e tarda menos en incubarse, polo tanto unha vez que a xente se infecta pode contaxiar antes. Tamén pode infectar a máis xente, se unha persoa contaxiada coa versión orixinal do virus podía contaxiar a 1 ou 2 persoas, coa delta pódese contaxiar a 3 ou 4, polo que a transmisibilidade é superior ó 50%. Temos que enfrontarnos a esta quinta onda con máis precaución e medidas de protección que ás anteriores.

Fai un par de semanas a revista ‘Communications Medicine’ de Nature publicounos un artigo firmado por científicos de saúde pública e outras disciplinas, no que facíamos unha chamada de atención ás institucións de España, da necesidade urxente de vacinar máis rápido e non deixar a grupos atrás.

Temos que seguir a confiar nas vacinas, a pesares de baixar en efectividade coa variante delta, por exemplo as vacinas de ARN coma a de Pfizer ou Moderna baixan ó 80-72%, e a de AstraZeneca ó 60- 67%, de padecer calquera tipo de síntoma no caso de infectarse do covid. As boas novas é que seguen todas a superar o 90% de efectividade fronte a enfermidade grave ou a morte, anque sexamos atacados pola delta. A pesares disto xente vacinada co sistema inmune febre, están en risco de enfermar gravemente tamén.

A aparición das novas variantes alértannos que non podemos baixar a garda. A xente vacinada tamén se pode infectar, a maioría dos casos serían leves, pero o maior problema é que podemos contaxiar a xente que non está vacinada, concretamente á xente nova e ás crianzas que aínda non teñen acceso as vacinas. Que a xente vacinada se contaxie é pouco probable, pero era moito menos que acontecese co virus orixinal, a delta require mellores medidas de protección e que non nos poidamos relaxar. Cada vez que aumentan os contaxios, aínda que sexa entre a xente vacinada, estamos a darlle ó virus a oportunidade de mutar e xurdir novas variantes máis transmisibles e virulentas.

Sabiamos que había moitas posibilidades de ver outra onda do covid debido á alta transmisibilidade das variantes, pero agora que sucedeu, hai que centrarse no positivo. Sabemos que facer e sabemos facelo ben!

Os responsables das institucións competentes teñen que facer un enorme esforzo para traer vacinas urxentemente para a xente nova e non obrigala a agardar máis semanas. Hai vacinas, e fan falla, moita, polo que hai que ofrécelas abertamente a toda a poboación con máis de 12 anos, e xa. Fan falla máis probas de covid, e de balde, estar en vixilancia para protexerse e protexer a saúde dos demais non é un capricho, é un dereito de saúde pública. Os test dos antíxenos dinos cando podemos contaxiar a alguén, e isto acontece no 70% dos casos cando non temos síntomas. É importante detectar cando alguén que se infectou ten a capacidade de contaxiar a outra persoa, e as probas dos antíxenos axudarían moitísimo a frear esta cade de trasmisión.

Os hospitais están a encherse de pacientes con covid sen vacinar, ou vacinados que teñen graves condicións subxacentes. Outra xente que se infecta aínda que non precise hospitalización, do 10 ao 30% , sufrirán covid persistente nunhas semanas ou meses despois da infección. A revista ‘Scientific Reports’ de Nature vén de publicarnos unha metaanálise onde identificamos máis de 50 síntomas asociados ó covid persistente, moito deles afectan ó cerebro. Dende fatiga, dores de cabeza, mareos, ou perda de memoria.

Semella que este pesadelo non remata e estamos na obriga de revivir unha e outra vez o mesmo. A sensación de ansiedade, depresión e fatiga pandémica tamén se fai notar, cun aumento do 40% de problemas mentais no último ano. Xa van máis de 18 meses dun sen vivir, onde os contaxios arrastran vidas e afrouxan a calidade de vida dunha sociedade cansa de pandemia e fortemente desgastada economicamente. Cómpre aguantar un pouco máis, fai falla que as autoridades fagan máis esforzo de xestión para que a xente esgotada o poida ir levando mellor. Seguen a facer falla máis axudas para a implementación das medidas de ventilación nos locais públicos, máis acceso ás probas ou máis pedagoxía para facer entender que as máscaras son precisas ata baixar os contaxios. Tamén hai que ir pensando agora como se van abrir as escolas en setembro, con máis medios e medidas de protección xa que se poden converter no nicho das novas infeccións.

Rógase un maior esforzo por parte das institucións que levan o timón das restricións aplicando políticas confusas que queiman á xente. Xa sabemos que aínda neste país as políticas non benefician á ciencia e o saco de cartos que se asigna á investigación é ben pequeno, xa non se conta con isto, pero polo menos fai falla usar o coñecemento científico internacional para implementar mellores medidas.

Destes temas e doutros falarei o sábado 31 de xullo no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo. Agradecida pola invitación, e por estar de volta, aínda que sexan uns poucos días.

La lucense Sonia Villapol es investigadora y profesora en el Houson Methodist Research Institute

Comentarios