Opinión

Os lucenses alumean á Ciencia

Na noite do venres celebrouse a fantástica gala dos premios Lucenses do ano 2020 no Gran Hotel de Lugo. A xornalista Sabela Corbelle, conduciu a cerimonia con grande temperanza e profesionalidade. A Sabela, quen sempre me tratou tan ben en todas as entrevistas, coma ó resto dos compañeiros de El Progreso, agradéceselles a boa información difundida, especialmente durante os pasados meses, xa que en tempos de pandemia a desinformación, mata. A acertada iniciativa de El Progreso de recuperar estes premios despois de tantos anos, volveu a dar a oportunidade de valorizar e visibilizar á xente dos distintos eidos da sociedade lucense. Recoñecementos ben merecidos todos eles, dende os sanitarios do Hula, ata o resto de galardoados dos distintos sectores, DiegoAS (arte), Olga Novo (letras), Carmen Lence (empresa), Guido Álvarez (turismo), Rubén Blanco (empresa e deporte), Abraham Cupeiro (música), Jorge e Pepe Coira (cine), Antón Sanjurjo e Teresa Astorgano, de Traxandaina (etnografía) e Mariluz Abella (solidariedade). Parabéns pola merecida distinción, e tamén como non, ó xurado polo acerto ó elixilos.  

A min correspondeume recibir o galardón de Lucense do ano 2020 na categoría de Ciencia, que foi con toda certeza o mellor premio que recibín na vida. Lamentablemente debido a circunstancias profesionais e tamén da pandemia, non puiden estar en persoa para recollelo nesa noite inesquecible, e tiven que conformarme con ver a retransmisión da gala a través da pantalla do Youtube desde o meu laboratorio en Houston. Anque en Lugo estaba a miña familia para representarme e recollelo, o que tamén me encheu de ledicia. Non podería existir unha meirande distinción para min que recibir un premio na sección de ciencia. Sempre apreciei máis os "feitos" cas “boas palabras", porque os feitos perpetúanse na historia, e as palabras voan no esquecemento, e este premio para min é un feito maxestoso, e aínda me costa créelo. En Lugo sempre me sentín moi arroupada e querida, presumo de ser da cidade amurallada con tantos séculos de historia, algo do que escasea no país no que vivo. Sinto unha gratitude inmensa, primeiro porque se de algo estou fachendosa é de ser das provincias e do meu marcado acento lucense. E segundo, teño unha inmensa gratitude por ser eu a seleccionada para representar a Ciencia. A ciencia da que son unha traballadora máis, a ciencia que nos rescatou da pandemia, a que nos alumea e nos seguirá rescatando do que veña. A ciencia do alcance universal, a que se comparte en aberto e reforza o benestar, o avance, e a saúde da sociedade. 

Nunca tantas veces se escoitou falar tanto da ciencia e con tanta intensidade coma nos últimos meses. Fai anos eu ansiaba que se falara de ciencia nos bares, e non só de fútbol ou política, e este ano, cumpriuse. Pero falar de ciencia aínda da reparo, anque pode que estañamos ante unha transformación na concienciación social e a investigación científica empece a valorarse como prioridade. Nos tempos pandémicos, de emerxencia e alerta, presteime para informar, sempre na medida que alcanzaban os meus coñecementos das investigacións sobre o Covid que se foron desenvolvendo. Cando a xente ten interese e necesidade por saber sobre o Covid despois de tanta incertidume e confusión, penso que a miña obriga e compromiso, é transmitir a información que temos ó noso alcance co maior rigor posible, e tentando dar un alento de esperanza. Ademais, se esta información vai destinada á xente en Galicia, a motivación e esforzo persoal é sen dúbida maior. 

Hai moita xente que tamén merecería este galardón, pero nesta ocasión tiven eu o privilexio de ser a elixida. Considérome unha representante das científicas e científicos que fan investigación tanto en Lugo, como fóra, por iso este premio vai tamén para eles. Lembremos que a ciencia que se fai por galegas e galegos dende a diáspora, tamén chega a Galicia, xa que non só fan polo país os que viven nel, as que nos tocou sufrir a emigración tamén estamos traballando por Lugo máis alá das súas fronteiras. Oxalá toda esta proxección internacional da que se falou na gala, nalgún momento, poida retornar á casa coas mesmas oportunidades que temos fóra. A gala  dos lucenses homenaxeou á ciencia e puxéronlle o meu nome, semellante distinción faime sentir plena de felicidade. A Siencia estavos moi agradecida. 

Comentarios