Opinión

Escolas seguras? Só así

Temos que protexer as crianzas, reducir as infeccións e o impacto que isto representa na súa saúde física e mental

HAI UNHAS semanas escribía neste xornal que estabamos a vivir a pandemia dos non vacinados da que tamén formaban parte os menores de 12 anos. As escolas abren á súa capacidade máxima, e asegúrannos que as aulas seguen a ser seguras. Pero imos analizar se estas garantías se cumpran. A ciencia dinos que previr os riscos da transmisión do coronavirus nas escolas depende de seguirse estas cinco condicións e ó mesmo tempo: vacinas, probas, ventilación, distancia e máscaras.

Infrinxir algunha destas medidas, sumado a que a variante delta é máis infecciosa, causou un aumento nos contaxios nos cativos nas últimas semanas nos EE UU. A sociedade americana de pediatría informou do récord de hospitalizacións pediátricas por covid dende o inicio da pandemia. Se ben é certo que os cativos sofren o covid con menos consecuencias cós adultos, non son inmunes contra a enfermidade. Os casos graves presentaron os síntomas da síndrome multiinflamatoria que pode ser devastadora. Aínda que existe unha baixa incidencia de covid persistente meses despois da infección, non é unha posibilidade nula e pode afectar a cativos que non presentaban problemas de saúde ou condicións preexistentes ou mesmo que pasaron a enfermidade sen síntomas. Polo tanto, protexer ás crianzas coas vacinas é unha necesidade, pero claro está que se se segue a subestimar o risco do covid grave, farase o mesmo coas vacinas.

Nalgúns estados dos EE UU recomendan usar as máscaras nas escolas, pero non se establece coma mandato. Estas políticas irresponsables están a causar auténticos desastres fomentando a inmunidade de rabaño nas aulas. No estado de Texas xa se rexistraron 50.000 novos casos dende que abriron as escolas hai tres semanas, moitos colexios pecharon temporalmente, e a isto sumouse a morte por covid dalgúns dos docentes. A falta de medidas no control da transmisión volveu saturar os hospitais. Algo moi diferente está a acontecer nalgúns distritos de Nova York ou San Francisco, que defenden a obrigatoriedade das máscaras, e instalaron filtros hepa nas aulas para favorecer a boa ventilación.

Dentro dos grandes bulos desta pandemia están que o coronavirus non se transmitía polo aire, que a xente sen síntomas non transmitía, e que os cativos nin enfermaban nin contaxiaban. Que alguén argumente hoxe en día que os nenos e as nenas non contaxian e que as escolas actúan como barreiras de freado do virus é unha farsa absoluta, e ten demasiada literatura científica para contradicila. Tamén se asegurou sen proba algunha que os cativos se infectaban na casa e non na escola. Isto non se pode afirmar sen facer probas periódicas para o rastrexo e sen excluír a quen non presentara síntomas, e sen verificalo coa secuenciación dos xenomas virais, non se pode determinar quen contaxiou a quen. A metade dos cativos que se infectan pasan a enfermidade sen síntomas, pero mentres tanto, contaxian. Todas estas incoherencias provocan que non se poida frear a cadea silente da transmisión.

Ó berro de "my child, my choice" mándanse ós cativos ás escolas sen máscara pensando que así se están a defender as súas liberdades, cando o que se fai e propagar a súa ideoloxía dos pais e favorecendo a transmisión do virus poñendo a saúde en risco. Moita xente segue sen entender que levar máscara non é unha opción de protección individual, senón de protección da comunidade. Tampouco entenden que coa variante delta tamén os vacinados poden infectarse e contaxiar. A xente que se opón ás máscaras ou ás vacinas está facendo rexurdir unha nova pandemia, a da falacia perigosa, que en tempos de covid tamén mata. Nos colexios chegaron a dicir que as máscaras causaban disabilidades na linguaxe ou na socialización, e aínda se chegaba máis lonxe coa aberración que provocaban cambios nas conexións nerviosas no cerebro. As máscaras non só evitan contaxios, en realidade pode que axude ó autocontrol e á atención nas aulas. Pode que se potencien outras maneiras de comunicarse mirando máis ós ollos que ás bocas, e favorecendo a intelixencia socioemocional.

Para que as nosas nenas e nenos estean protexidos na escola, soñemos como sería unha escola segura. A maioría dos adolescentes maiores de 12 anos vacinados e a vacinación no profesorado obrigatoria. As probas rápidas da saliva para os antíxenos terían un prezo asumible como para facer unha cada mañá antes do almorzo. E non só nos cativos vacinados ou sen vacinar, tamén para os docentes, e ó persoal de transportes, limpeza ou comedor. O resultado negativo sería a luz verde para acceder ó centro, isto frearía a cadea de transmisión. As aulas terían unha ventilación cruzada, coas ventás e as portas abertas. Mira ti, mira, un app para abrir as ventás non funciona, pero un medidor de CO2 na aula que indique cando os niveis pasan dos 1000 ppm, tal e como recomendan os científicos dos aerosois, si serviría. Pero só con abrir as fiestras non chegaría xa que podería dar unha impresión falsa ou incompleta da boa ventilación, especialmente co frío no inverno, polo que as aulas estarían reforzadas con filtros hepa. Accesibilidade a boas máscaras con filtros FFP2 e ben fixadas á cara, e de non incomodar moito, dobre capa. Para comer, o patio exterior ou o comedor con filtrado do aire, e sempre coa distancia recomend a d a . E como non, comida saudable que permita ter unha nutrición rica en vitaminas que reforce o sistema i n m u n e de defensa fronte a enfermidades virais.

Levo un tempo falando nos colexios de todo o que se debería de facer p a r a manter as aulas seguras. Moitas veces os protocolos son confusos, incompletos e sen actualizar. Agradezo a todos os mestres, dende Gondomar a Bóveda e pasando pola Estrada, que tiveron o interese de informarse e aplicar as recomendacións científicas con moito sentido común para garantir a seguridade e a saúde dentro das súas aulas. Oxalá cundira o exemplo entre o profesorado.

Temos que protexer as crianzas, reducir as infeccións e o impacto que isto representa na súa saúde física e mental. Xa o dicía o profesor da USC Herminio Barreiro —"son poucas as cousas do vivir de cada día que escapan á sensibilidade infantil"—. Fagamos as cousas ben aplicando o principio da máxima precaución.

Comentarios