domingo. 28.02.2021 |
El tiempo
domingo. 28.02.2021
El tiempo

Outra vez confinamento

Pasadas as 'festas' de natal, volvemos a empezar, a recomezar os numerosísimos contaxios con efeito de enfermidade declarada, internamentos nos hospitais, a angustia dos traballadores da sanidade e as conseguintes medidas restritivas de actividades sociais, non moi ben compartidas pola cidadanía en xeral, ou por determinados grupos, en particular. Que alenta aos cidadáns a seguir conduta socialmente responsábel? A conclusión inmediata é que nesta sociedade e neste momento, só o medo é fío condutor común dunha conduta ben guiada. Pode ser medo á enfermidade (un motivo poderoso). Tamén medo a morrer contaxiado (outro motivo un pouco máis forte). Mesmo pode ser pánico ás multas, denuncias ou consecuencias económicas: un outro motivo con carga de castigo que tamén impón. Isto para explicar en parte as condutas dos cidadáns comúns, e tamén para asumir que a falta de disciplina social ha ser suprida coa represión e a difusión do terror. Se nos referimos a colectivos determinados, as causas motivadoras da conduta son diferentes segundo é a súa posición social relativa. No noso país hai unha liña divisoria ben marcada entre dous grupos sociais diferentes: os que, estando en activo, teñen traballo fixo, e os que non. E, entre os primeiros, os funcionarios da Administración estarían situados no lugar máis favorábel da defensa dos intereses particulares do non contaxio. Noutros sectores de traballo público non existe posibilidade individual de eludir os riscos: no ensino, na sanidade, nas obras públicas, nos servizos de subministración de bens públicos imprescindíbeis (auga, electricidade, gas, limpeza...), non hai forma de realizar os servizos vía telemática nen posibilidade individual de negociar cun colega as ausencias. Fóra das administracións públicas observamos o modo de realizar o traballo nas fábricas, nas explotacións agrogandeiras, na pesca e no sector servizos vinculados directamente a estas actividades (desde o transporte aos frigorificos, talleres mecánicos, reparación de maquinaria... ou seguros); non hai posibilidade algunha de teletraballo, non hai —non houbo— Ertes, non houbo cerramentos, non houbo caída de actividade. Mais tamén non faltou leite, nen carne, nen pescado, nen froita, nen verdura nen nas tendas nengún produto alimenticio procedente dos centros fabrís deste sector industrial. Como se traballou nas fábricas de conserva, de iogures, de queixos, de pan e derivados, de bebidas, de conxelados, e de todos os relacionados con estes sectores? Pois exactamente igual que antes, só que con moito cuidado. Mesmo houbo casos de empresas destes ramos que reforzaron as medidas de evitación de contacto despois dunha declaración de casos de contaxio, pero non pecharon.

Logo, se hai casos nos que a proximidade física non ten sido a causa da difusión dos contaxios, algo se fixo inadecuadamente para que a propagación, despois dos eventos do verán (cos turistas dando voltas como se non houber un mañá) e dos eventos do inverno (coas festas familiares e xuvenís como se non houber futuro), todos eles permitidos, dé como resultado outra onda terríbel de extensión dos contaxios, das hospitalizacións e das mortes consecuentes. Os responsábeis do goberno galego, en primeiro lugar, e das outras instancias gobernativas en segundo, deberían miralo mellor.

Outra vez confinamento
Comentarios