Blog | Patio de luces

Corazón e cabeza

Catro anos despois do accidente do Fiouco non hai solución para o problema coa néboa

PODE UN facerse á idea. Penso, en calquera caso, que hai que verse metido no brete para decatarse da dimensión real do problema. Non é mesmo que cho conten que vivilo en primeira persoa. Estou convencido de que non son un tipo que se apouvigue de primeiras, pero hai circunstancias nas que un se ve claramente sobrepasado. Incapaz de controlar a situación e a expensas do que poda suceder. Pasoume hai algúns anos no Alto do Fiouco, entre Mondoñedo e Abadín. Foi na primavera do 2014. Xa pasara por ese tramo da A-8 noutras ocasións. Ata aquel día, o tránsito sempre fora normal, sen maiores dificultades. De feito, cando ía cara A Mariña, as condicións de visibilidade eran bastante boas. Fun ata Barreiros para darlle unha aperta a un amigo ao que lle acababa de morrer seu avó. Estivemos no tanatorio. Despois no funeral e no cemiterio, na parroquia de Celeiro de Mariñaos. Pasaron un par de horas. Á noitiña, tras despedirnos del e da súa familia, emprendemos camiño de regreso a Lugo. Pensabamos en chegar á casa máis ou menos en cincuenta minutos, con tempo de sobra para cear. A fin de contas, a idea era facer todo o camiño por autovía, primeiro pola do Cantábrico e logo pola do Noroeste, a partir de Baamonde.

Entramos na autovía pola Espiñeira e cando comezamos a subir cara ao Fiouco xa nos percatamos de que a cousa non ía ben. Xa sabiamos dos problemas que, dun xeito máis ou menos recorrente, provocaba a brétema nese punto do trazado dende o mesmo día da súa apertura ao tráfico. Pero o dito, unha cousa é que cho conten e outra ben diferente é verse alí metido. Nun momento dado, a néboa que nos envolvía volveuse tan espesa, que non eramos capaces de distinguir en que lugar nos atopabamos. Non viamos nada. Apenas albiscabamos as marcas pintadas no asfalto catro ou cinco metros por diante do morro do coche. Collín medo. Era incapaz de circular a máis de cincuenta ou sesenta kilómetros por hora, pero outros vehículos adiantaban polo carril da dereita a moita máis velocidade. Ignoro como eran capaces os demais conductores de ver o que por tiñan diante. Ou a natureza quixo premialos con mellor vista que a outros individuos da súa mesma especie ou o seu, simplemente, era unha desas certezas que emanan directamente do propio espírito: "Fe en Dios e ferro a fondo".

Leveinos varios kilómetros de corbata. Literalmente. Non podía apartar a mirada do espello retrovisor. Conducía acovardado. Suábanme as mans e tiña unha dor por debaixo do oído esquerdo a causa da tensión. Pensaba que en calquera momento outro coche ou peor aínda, un camión, se nos ía botar enriba, levarnos por diante e ata logo. Ao mesmo tempo, tampouco podía desviar a vista da parte frontal do coche. Un obstáculo na calzada –outro vehículo parado, un animal ou mesmo unha persoa– e o resultado sería o mesmo. Ata logo. Non era para nada un temor infundado. Xa me parecía un milagre que outros coches puidesen circular a máis velocidade sen saírse do firme. A idea de parar a marcha e quedarnos no arcén antollouse unha toleada. Case un suicidio tal e como se estaba poñendo a cousa. O caso é que fomos tirando, amodiño, e a cando comezamos a baixar a néboa fíxose menos densa. Pouco a pouco, comezamos a ver mellor. Cando entramos na Terra Chá, as condicións xa eran absolutamente normais. Chegamos a Lugo case a tempo para cear, pero con poucas gañas.

Tres meses despois producíase no mesmo tramo o brutal accidente que fixo que as autoridades tomasen, por fin, conciencia da magnitude real do problema que tiñan no Alto do Fiouco. Da tremenda e inexplicable chapuza que fixeron os responsables desa obra. Unha colisión múltiple con máis de trinta vehículos implicados, preto de medio cento de feridos de diversa consideración e unha muller morta. Entón chegaron as presas. Sempre pasa. Os políticos comezaron a falar de medidas para evitar situacións similares. O Ministerio de Fomento plantexou a necesidade de mellorar a sinalización do tramo e de buscar unha solución «innovadora» da man de empresas de enxeñaría punteiras no mundo. Ata hoxe.

A sinalización mellorou. Ademais, agora, cando a visibilidade é mala, córtase a circulación en ambos sentidos e desvíase o tráfico pola carretera vella, pola N-634. O accidente sucedía un 26 de xullo. Fomento dixo entón que os prototipos para buscar esa solución "innovadora" estarían listos no 2016. Pasaron catro anos. Ao final estamos coma sempre. Isto é Lugo. Xa non debería collernos por sorpresa. Levamos tres décadas esperando pola autovía a Santiago e moito máis tempo sobrevivindo cun ferrocarril decimonónico. É unha de tantas. Neste caso as promesas non marcharon co vento. Perdéronse entre a néboa.

Pensaba nisto esta semana mentres lembraba unha campaña institucional publicada no ano 2012 con motivo da festividade do 25 de xullo: Para levar a Galicia á cabeza, hai que levar a Galicia no corazón. A mensaxe queda bonita, pero pasado o tempo está claro que segue habendo corazóns duros con esta terra. Haberá que poñelos a amolecer, pero xa non creo que a estas alturas poidamos abrandalos.

Comentarios