Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Freo ao eucalipto

UN GOBERNO que frea a expansión do eucalipto no seu territorio. Un Goberno que impedirá a plantación de eucaliptos ata o ano 2030. Un Goberno que tentará substituír a que se converteu na maior especie da súa superficie forestal por especies como o piñeiro, a sobreira ou o carballo. Ese Goberno non é o galego. É o Goberno de Portugal. Que fermoso tería sido (que tamén o é, pero bueno) este primeiro parágrafo se non me referira ao país veciño e si ao noso. Pero non, aquí seguimos asistindo a unha cada vez maior superficie forestal adicada á que algúns concellos, como o de Poio, co apoio unánime de toda a Corporación, xa teñen calificado como especie invasora, mentres outros moitos miran cara outro lado. Certo é que o tema das palabras e as declaracións queda moi ben nos artigos, pero o que se precisa son medidas reguladoras adicadas á protección do noso patrimonio forestal, e refírome, claro está, ás especies autóctonas propias da nosa terra, construtoras da nosa paisaxe e da nosa identidade común.

Lonxe de deterse, a plantación do eucalipto medra ao longo de toda Galicia ano tras ano


A masiva presenza do eucalipto, tan dependente da especulación económica do bosque, deixa de lado outro tipo de riqueza contida nas nosas fragas ou nas superficies de cultivo que están sendo progresivamente abandonadas polos agricultores, co perigo de verse invadidas polo eucalipto. A ausencia de confianza no que o noso patrimonio natural pode ofrecer á sociedade está detrás desta falla de medidas que fagan recuperar moito do que xa se perdeu en favor desta colonización, que levou a que, dende 1980, en Galicia se pasara dunha superficie de 141.000 hectáreas ás 248.168 hectáreas de eucaliptais só nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra, o que vén significar case unha cuarta parte da superficie arborada da comunidade. Outros datos amplían esa superficie a máis de 370.000 hectáreas. En definitiva, demasiados eucaliptos para unha terra que dispón dunha variedade de árbores abraiante capaz de compoñer escenarios prodixiosos afastados da uniformidade que esta especie achega ás nosas paisaxes. Esta perda da biodiversidade incide tamén nun maior risco de incendios forestais, na seca dos acuíferos e na progresiva erosión dos montes, converténdose así o eucalipto nunha contaminación forestal coa que esta sociedade debería loitar dende tódolos frentes posíbeis para deter o seu avance, tal e como vén de facer Portugal a partir das decisións do seu Goberno en base a unha demanda da sociedade.

A perda da biodiversidade incide nun maior risco de incendios, na seca dos acuíferos e na erosión dos montes

Recupero unhas palabras do prestixioso naturista Joaquín Araújo, autor de numerosos libros sobre bosques, que foron pronunciadas en Pontevedra nunhas xornadas sobre montes veciñais: "O eucalipto é unha metáfora da suciedade social". Nesa metáfora andamos hoxe, ruborizados tamén cando escoitamos como dende certos púlpitos as industrias que consomen este tipo de árbores (é a única xustificación para a súa permanencia) dan leccións de xestión da natureza, de sustentabilidade, de investimentos en aparentes cuestións ecolóxicas ou noutros sectores cidadáns empregados como cortina de fume ante os seus feitos, cando elas mesmas son a orixe da perversidade do sistema, ao facer do consumo desa madeira o motor económico que esmaga moitas das nosas capacidades de desenvolvemento. Iniciativas privadas que deberían ter o seu freo dende a xestión pública preocupada, ou así debería ser, por loitar por un dos nosos maiores tesouros, eses bosques que levan aquí moitos máis anos que nós e que merecen o noso respecto e compromiso. Aí teñen o éxito que supuxo o freo ás intencións para deforestar a Fraga de Catasós, en Lalín, e colocar entre os seus carballos e castiñeiros centenarios unha liña de alta tensión. Unha situación que semellaba irreversíbel, pero a loita veciñal e o posterior apoio das autoridades locais impuxéronse aos intereses especulativos. Outro exemplo, a corta por parte da Deputación de Pontevedra dos 333 eucaliptos presentes no recinto do Castelo de Soutomaior, entendida como "un grave perigo medioambiental". Exemplos que deberían terse en conta no resto de Galicia para frear ese eucaliptizar ao que semella que estamos abocados.

A principios de ano falábase de que a Xunta de Galicia, en pleno proceso de desenvolvemento da Lei de Montes, ultimaba un decreto que por vez primeira prohibiría en Galicia as plantacións de eucaliptos en determinadas zonas, pero fuxindo dunha prohibición en todo o territorio ou en calquera circunstancia. Isto é un pasiño, que aínda nin se chegou a dar e que, comparado co pulo de Portugal na súa Estratégia Nacional para a Floresta, fala do pouco interese por resolver esta gravísima situación dun país nun claro deterioro medioambiental.

Comentarios