Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Culturfesta

"Humildemente informo de que escribo en galego e non me sinto frustrado. Escribo na lingua de meus pais e avós, dos meus veciños, do meu pobo..." (Xosé Neira Vilas. Réplica a Saramago' en 'O Sarillo do tempo', Editorial Xerais)

ENCÁNTAME O olor da cultura polas mañás... e polas tardes, e pola noites. Iso é o Culturgal , cultura a todas horas ao longo de tres días. Tres xornadas cheas de actividades e de feitos arredor desa beizón que diferencia a un pobo doutro. A aquel que se gaba do que fai e aposta por un elemento claramente diferenciador, daquel que silencia aquilo que forma parte do seu ser máis íntimo.

Entrar no Recinto Feiral de Pontevedra nesta fin de semana e encher ben os pulmóns con todo o que alí nos atopamos, cita tras cita, é un dos momentos máis felices de todo o ano. Ulir ese arrecendo a libros, a filmes, a músicas, a teatro, a edición, a artesanía... en definitiva, a talento, creatividade e ilusión é un dos mellores aromas que poden saír desta terra e un séntese, cos pés chantados nesa alfombra vermella e as mans na cintura mirando ao horizonte, como o coronel Kurtz de Apocalypse Now. A forza da cultura é tal que nos encoraxina e fainos máis fortes, servindo para esmagar todo aquilo que nas nosas vidas énchenos de sombra e desacougo.

Percorrer os diferentes espazos, as diferentes propostas que se ofrecen ao longo do Culturgal, é manter eses pulmóns cheos dun aire vivo, dun aire que se renova en cada stand que un visita, con cada acción coa que un se atopa ao longo desta Feira das Industrias Culturais ou con eses detalles que son os que realmente son importantes nestes días: os rapaces lendo nalgún recuncho do recinto, o público asistindo coas súas caras de felicidade a algún espectáculo, os aplausos aos protagonistas, cruzarse con alguén ao que un admira ou sentirse perto dalgún autor que che está a asinar un libro.

Pequenas bolboretiñas que voan dentro dese aire limpo da cultura, dun ecosistema polo que non paran de albiscar raiolas dun sol cheo de brillos que alumean para que nos sintamos orgullosos dos nosos autores e do seu recoñecemento tamén fora de Galicia, nomes como os de Ledicia Costas, Berta Dávila ou Gonzalo Hermo que veñen de recibir premios a nivel nacional por escribir na súa lingua textos marabillosos. Se os coñecen saberán cos tres son moi novos, iso supón futuro que xa é presente.

Pero xunto cos premios tamén temos as vendas, a parte necesaria que soporta todo o romanticismo, autores que cos seus libros alimentan de novos aires o sistema editorial galego, nomes que teñen tras de si ringleiras de lectores e aos que deben mimar como un tesouro agochado nun cofre, e desta vez temos a Manuel Rivas cun deses libros claves na nosa escrita, ‘ O último día de Terranova’, que ademáis de ser da mellor literatura, da súa e da nosa, aínda por riba é unha fonda homenaxe á cultura e ao que supoñen as librarías como osíxeno permanente desta sociedade tantas veces abafada polas contaminacións coas que moitos pretenden facernos convivir.

O Culturgal atopou en Pontevedra o seu hábitat natural, un fogar irrenunciábel, un puntazo, a equidistancia entre cidades nun ambiente cidadán que dende sempre favoreceu á cultura, e que ata argallou unha cidade entendida como un escenario sobre o que desenvolver ese espazo case de ágora no que poder falar, conversar ou pensar. Unha humanización que, como debe facer a cultura, ten que poñer por riba de todo ao ser humano. Esta relación, proxecto-cidade, vai cada ano a máis e iso nótase nesta edición, cunha maior presenza de expositores enchendo como nunca todo o espazo dispoñible. Un síntoma de dúas cousas, por un lado do interese da xente que sempre ateiga durante eses tres días o Culturgal, e por outro, o incremento de actores culturais, sobrepoñéndose á dureza dos tempos así como as durísimas condicións que debe soportar o sector e un cruento IVA que castiga todo canto se asocie á cultura.

Collan aos seus cativos, crucen o río Lérez e adéntrense no Culturgal, se o coñecen xa saben de que vai a cousa, se non, descubrirán un ámbito de lecer marabilloso cunha chea de posibilidades, e tamén a mostra palpábel do moito que se fai en Galicia dende a imaxinación e tamén o esforzo, pero sobre todo pasarano ben, porque a cultura é unha festa e nesta fin de semana, en Pontevedra, esa festa chámase Culturfesta, enchan os pulmóns e abofé verán como respiran moito mellor.

 E ncántame o olor da cultura polas mañás... e polas tardes, e pola noites. Iso é o Culturgal , cultura a todas horas ao longo de tres días. Tres xornadas cheas de actividades e de feitos arredor desa beizón que diferencia a un pobo doutro. A aquel que se gaba do que fai e aposta por un elemento claramente diferenciador, daquel que silencia aquilo que forma parte do seu ser máis íntimo.

Entrar no Recinto Feiral de Pontevedra nesta fin de semana e encher ben os pulmóns con todo o que alí nos atopamos, cita tras cita, é un dos momentos máis felices de todo o ano. Ulir ese arrecendo a libros, a filmes, a músicas, a teatro, a edición, a artesanía... en definitiva, a talento, creatividade e ilusión é un dos mellores aromas que poden saír desta terra e un séntese, cos pés chantados nesa alfombra vermella e as mans na cintura mirando ao horizonte, como o coronel Kurtz de Apocalypse Now . A forza da cultura é tal que nos encoraxina e fainos máis fortes, servindo para esmagar todo aquilo que nas nosas vidas énchenos de sombra e desacougo.

Percorrer os diferentes espazos, as diferentes propostas que se ofrecen ao longo do Culturgal, é manter eses pulmóns cheos dun aire vivo, dun aire que se renova en cada stand que un visita, con cada acción coa que un se atopa ao longo desta Feira das Industrias Culturais ou con eses detalles que son os que realmente son importantes nestes días: os rapaces lendo nalgún recuncho do recinto, o público asistindo coas súas caras de felicidade a algún espectáculo, os aplausos aos protagonistas, cruzarse con alguén ao que un admira ou sentirse perto dalgún autor que che está a asinar un libro.

Pequenas bolboretiñas que voan dentro dese aire limpo da cultura, dun ecosistema polo que non paran de albiscar raiolas dun sol cheo de brillos que alumean para que nos sintamos orgullosos dos nosos autores e do seu recoñecemento tamén fora de Galicia , nomes como os de Ledicia Costas , Berta Dávila ou Gonzalo Hermo que veñen de recibir premios a nivel nacional por escribir na súa lingua textos marabillosos. Se os coñecen saberán cos tres son moi novos, iso supón futuro que xa é presente.

Pero xunto cos premios tamén temos as vendas, a parte necesaria que soporta todo o romanticismo, autores que cos seus libros alimentan de novos aires o sistema editorial galego, nomes que teñen tras de si ringleiras de lectores e aos que deben mimar como un tesouro agochado nun cofre, e desta vez temos a Manuel Rivas cun deses libros claves na nosa escrita, ‘ O último día de Terranova ’, que ademáis de ser da mellor literatura, da súa e da nosa, aínda por riba é unha fonda homenaxe á cultura e ao que supoñen as librarías como osíxeno permanente desta sociedade tantas veces abafada polas contaminacións coas que moitos pretenden facernos convivir.

Comentarios