Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Antoine Doinel

"Se non fixera cine, estaría perdido. Non podería facer nada, non sei facer outra cousa, sentiríame inválido"
[François Truffaut]

Aínda co regusto do Culturgal na boca, Pontevedra vólvese a relamber co sabor doce da cultura nesta fin de semana. Desta volta toca cine, e cine do bo, dese que rara vez asoma polas carteleiras comerciais, coa posta en marcha dun deses proxectos cheos de ilusións que moi de vez en cando saen adiante, e non o dubiden, para quedarse. A edición número 0 do Festival Internacional Novos Cinemas é toda unha declaración de intencións sobre o perfil que se lle quere dar a este evento nas sucesivas edicións.

Tres días que encherán de cine o Teatro Principal, recuperando así un espazo que acolleu ás primeiras proxeccións cinematográficas na cidade e que pretende amosar aquelas longametraxes que supoñen a primeira ou segunda obra dun realizador ou realizadora. Pasado e presente que repousa nunha pantalla, nun ecosistema revitalizador para os que gustamos desta arte, e así, desta volta, xunto aos creadores que amosarán os seus traballos Javier Rebollo , Damien Manivel , João Pedro Plácido , Laia Alabart , Alba Cros , Laura Rius e Marta Verheyen , a dirección do festival, con bo tino e amosando que sabe de qué vai a cousa, proxectou o venres, como todo un emblema do certame, outra primeira película, pero unha desas primeiras películas que o son non só dun director, senón de moitas outras cousas que acontecerían pouco despois. ‘ 'Os 400 golpes' ’ de François Truffaut é un deses tesouros que, ante unha explosión nuclear que devastase o noso mundo, habería que meter nunha cápsula espacial para salvala do desastre. Ela deu orixe á Nouvelle Vague así como a un proceso de renovación do cinema que apostaba por unha maior veracidade afastándose da excesiva rixidez do cinema de estudo e insertando nas súas tramas un existencialismo que afondaba na situación do home e o seu tempo. Naquel 1959 François Truffaut dinamitou o cine dende a pantalla do Festival de Cannes e permitiu que toda unha xeración de novos directores, os Alain Resnais , Jean Luc Godard , Rivette ou Chabrol mirasen ao mundo, e fixeron que nós tamén o vísemos, dun xeito diferente, máis apegado a un novo tempo, a unha nova realidade.

Antoine Doinel, o rapaz protagonista de '‘Os 400 golpes’' é o neno que descubre un mundo de adultos, tamén a perda da inocencia, o desamparo ante a incomprensión, moito, en definitiva, do que sente este festival no seu comezo, unha sensación que desaparecerá ao longo do tempo, cando as sucesivas edicións vaian dándolle a razón a Dani Froiz , Suso Novas e Ángel Santos xunto co Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo como impulsores deste soño que pasa dunha mesa de conversa a unha pantalla. Todos correremos canda eles como Antoine Doinel nesa prodixiosa escena final cara ao mar, sentindo a liberdade que outorga o cine e a necesidade de vivir sentindo a brisa e as pingas de auga salgada na cara. Todos somos Antoine Doinel, e alá quen non o sexa.

Pero non pensen que a cousa queda aí, non, outros que xa levan correndo algún tempo son os organizadores do Master Class do Audiovisual Galego na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra que chega, tamén nesta semana, á súa quinta edición e o fai ao grande, proxectando, o vindeiro martes, un dos grandes éxitos da tempada a cargo dun galego como director e con produción tamén nosa, ‘ 'El desconocido' ’, nun pase que contará coa presenza do propio director, Dani de la Torre . Latexos de cine que teñen a Pontevedra como epicentro, un xeito máis de facer cidade dende a imaxe, dende o talento e a creatividade do ser humano, dende a cultura.

Non deixen de mirar o programa do festival, ademais de proxeccións hai encontros cos seus protagonistas e foros de debate sobre a realidade do cinema e o audiovisual en Galicia. Non lles deixará indiferentes, como tampouco o fixo Truffaut co seu cinema, toda unha subversión da orde establecida dende unha película cero pero inmensa, a partir da cal só podían chegar cousas mellores, e así foi. Nas súas seguintes películas vimos como medraba Antoine Doinel, un alter ego que ía enfrontándose á vida nun combate real, pegado á pel. En anos seguintes veremos como este festival tamén vai medrando. Beizóns e parabéns!

Comentarios