Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

A literata e o arquitecto

María Victoria Moreno de Alejandro de la Sota, con cadansúa homenaxe das academias, capitalizan en Galicia parte da cultura no 2018

María Victoria Moreno nunha charla e Alejandro de la Sota recollendo a Medalla de Ouro da Arquitectura. DP
photo_camera María Victoria Moreno nunha charla e Alejandro de la Sota recollendo a Medalla de Ouro da Arquitectura. DP

Literatura e arquitectura danse a man este ano en Galicia, e farano dende o ronsel de escumas sobre o Lérez que deixa a pegada de dúas persoas tan ligadas á cidade de Pontevedra, que se converterá, deste xeito, na capital da nosa cultura ao longo do 2018, grazas ás designacións de María Victoria Moreno como homenaxeada no Día das Letras Galegas pola Real Academia Galega e á de Alejandro de la Sota pola Real Academia de Belas Artes, que será enxalzado no Día das Artes Galegas.

Arredor de ambos espéranse ao longo de todo o ano unha serie de actividades que recuperarán as súas figuras dende as súas actividades creativas, ambas, dun xeito ou doutro, movéndose arredor do ser humano e, para iso, Pontevedra será clave, por ser a cidade na que a escritora se instalou despois da súa chegada a Galicia, na que se namorou dunha nova lingua para ela, na que levou da súa man a milleiros de cativos aos que ensinou non só teorías senón tamén sentimentos e na que De la Sota naceu no xa mítico Café Moderno para desenvolver un proxecto arquitectónico renovador de tantas situacións nese eido e que se converteu, co paso dos anos, nun dos arquitectos esenciais no século XX, xa non só en España, senón nesta disciplina a nivel mundial. Un dobre ronsel para que esta cidade renove os seus fíos afoutos coa cultura que, dende diferentes disciplinas artísticas, converteron a Pontevedra naquela pequena Atenas, como a definira Xosé Filgueira Valverde.

Pois a esa pequena Atenas volverán a mirada dende Galicia aqueles que desexen recoñecer o talento destes dous persoeiros da nosa cultura. A literatura como acubillo do ser humano, achega a María Victoria Moreno a quen facía da súa obra un espazo habitábel para ese mesmo individuo. E é que ambas artes ás veces non están tan afastadas. Adentrarse nun libro ten moito de refuxio, de amparo fronte á tempestade duns tempos inhóspitos para o home e a muller e, a carón da aparente sinxeleza dunhas páxinas, moitas veces acádase o coñecemento e a seguridade precisa para seguir camiñando. María Victoria Moreno fixo da súa obra literaria un compás para que moitos mozos e mozas comprendesen que dende as páxinas dun libro o mundo podía estar nas súas mans, que os seus ollos e as súas lecturas serían as lumieiras precisas dende as que tentar comprender un pouco mellor todo iso que pasa nas nosas rúas, ámbitos da sociedade nos que as veces vai moito frío. Todos eses rapaces tiñan a sensación de que entre esas liñas estaban eles, xa que a escrita de María Victoria Moreno convertíaos en protagonistas reais dun mundo de adultos que se erguía sobre a definición de Literatura Infantil e Xuvenil indo moito máis alá.

Pola súa banda, as arquitecturas de Alejandro de la Sota, dende a reinvención e o moderno emprego dos materiais, acollían e acollen a un home que ten tamén nesa arquitectura un xeito de vencellarse co que lle rodea. Unha dialéctica entre o interior e o exterior que permitiu á súa obra acadar unha serie de avances espaciais respectando sempre a obriga da arquitectura de ser un espazo para ser vivido, e cuxas solucións teóricas deben ter unha aplicación beneficiosa para os seus ocupantes, algo tan afastado do que moitos procuran hoxe, como unha sorte de arquitectura do espectáculo.

Tanto a escritora coma o arquitecto arrédanse de facer do seu traballo un show, unha fotografía pasaxeira que, porén, convértese nunha fotografía permanente de talento, semente e contribución á súa sociedade. Fotografías que desta volta saen dende Pontevedra cara a Galicia.

Comentarios