Opinión

Espacio existencial

Nunha reportaxe da televisión sobre a guerra en Ukraína, vese un home coas mans apoiadas no borde dunha parede da terraza, que aguantaba o derrumbe total do resto do edificio. E non quería saír: era a súa casa. Mentres noutra cidade, algúns que foron refuxiados noutros países, camiñaban entre cascallos, porque «na sua mente estaba voltar». Tamén voltaron ás súas casetas os cás Peral e Prin que, dende Ambosores, pasaron tras un xabarín ata cerca de Ortigueira e, non facendo caso da comida que amablemente lles ofrecían no sitio do levante, puñeron «o seu radar», e o quinto día, despois de aproximadamente cen kilómetros chegoron á Alaxe no Valadouro. E regresaron os pombos e as anduriñas, os xílgaros e as lavandeiras... ó lugar que viran ó nacer e onde se criaron, pois todo ser natural ten un lugar, —que os gregos chamaban ‘oikos’— para estar no mundo.

A amplia e complexa cuestión do espacio e a súa relación co tempo, ten, claro está, moitas perspectivas, dende o punto de vista físico, psicolóxico, gnoseolóxico ou metafísico, partindo da experiencia inmediata e intuitiva de duas realidades, infinitas e absolutas, simbolizadas como ceo ou firmamento —‘Ouranós’— e o tempo —pode ser ‘Cronos’— no que se sitúan os sucesos nun trascurso rectilíneo, algo semellante a interpretación de Newton. Pero a cousa complícase coa relatividade e a física cuántica dende a temporalidade do espacio —a velocidade da luz— ata unha indeterminación de espacio-tempo, ou a consideración deste como unha dimensión de aquel: «antes» da creación do mundo, non había antes que era polo que preguntaban os «necios», según San Agustín, pois tampouco antes do Big Bang había tempo.

A amplia e complexa cuestión do espacio e a súa relación co tempo, ten, claro está, moitas perspectivas, dende o punto de vista físico, psicolóxico, gnoseolóxico ou metafísico

Eiquí trátase somentes dun somero análise do espacio prescindindo da física, ou incluso da concepción de «espacio vital» propugnado polo nacional-socialismo a mediados do século pasado, —e cuios ecos non parecen remitir— senón dende a gnoseoloxía transformada en ontoloxía, en certa oposición ou diferenciación a primacía que se lle deu ó tempo e a temporalidad a partir do Romanticismo, con algunha base en Hegel, cando considera que o Espíritu ou a Idea teñen unha esencia e manifestación histórica, ideas que, dende perspectivas variadas, foron recollidas por os existencialistas —co o engadido de Kierkegard— como foi o caso de Heidegger en ‘Ser e tempo’, que, aínda tendo en conta a situación concreta, dalle preminencia á temporalidade, afincada no «instante», na «decisión» e no «amor fati». Para ben ou para mal somos fillos do noso tempo, ou, como decía Ortega, «no temos natureza, senon historia». 

Nese contexto emerxe tamén unha aproximación lírica á terra no sentido de orixe, de comunidade ou de raza, que vai a fundamentar o concepto de nación, como lugar do nacemento, ou a terra dos pais, como patria, que en Galicia está representada fundamentalmente por Rosalía de Castro, entorno á nostalxia, e a soidade da distancia como saudade, coas coñecidas expresións afectivo diminutivas dos «airiños» ou «figueiriñas», que van a ser retomadas de maneira repetitiva e compulsiva en medios de comunicación, particularmente na televisión —pataquiñas, ceboliñas, pimentiños— e un sinfín de parvadas coa pretensión absurda de menxases identitarios.
Pero este asunto non está eiquí na dimensión psicolóxica, nin política nin astronómica, senon nun aspecto do ser que constitúe a esencia dos individuos, porque somos un espacio concreto, como entes, que se sitúan en un espacio envolvente, como existentes. Doutra maneira, a existencia é unha especial espacialidade, tanxencial con outras existencias —sin que provoquen necesariamente náusea ou sexan o inferno, producto da amargura sartriana— inmersos nun horizonte, non só como abarcante físico, senon percibido pola vista e fixado dende a retina ós circuitos neuronais. O que un vai vendo dende o inicio da vida e queda grabado no álbum biográfico, como fotogramas ou imaxes, nidias ou difuminadas, que só se temporalizan aplicando un calendario.

Tamén é espacio o contesto máis próximo no que se realiza a emerxencia e o asentamento no mundo, o lugar da intimidade e da protección, do illamento tranquilo e de carga da forza vital, aquel que está sempre presente e ó que, no seu caso, preténdese voltar. E tamén é espacio o conxunto de obxetos, ou case suxeitos, cos que máis ou menos conscientemente hay unha relación especial, non tanto afectiva, que tamén, senon no sentido existencial, como constituintes esenciais da propia identidade: unha foto, un mueble, unha talla, unha árbore, un paseo… Algún dos que gardaríanse apresuradamente nun fardo ante unha fuxida forzada. 

Neste senso, só permanece o eu como suxeito e como conciencia, ó marxe do tempo que só trascurre si se contan as lúas, permanecendo tamén o sustrato perenne da cor do aire, o aroma da terra, o calor da casa, e a silueta vivida do horizonte.

Comentarios