Martes. 19.03.2019 |
El tiempo
Martes. 19.03.2019
El tiempo

Morte en primavera

Por PEPA BARRIOS (gañadora do certame Contos de Verán de El Progreso)

INTUÍN QUE levaba a dirección da morte e uns segundos antes pechei e premín os ollos coma se con aquel xesto puidese evitalo. Só escoitei o impacto, un golpe seco, e despois outro, máis xordo, sobre a dureza do cemento. Á parte de min, só meu irmán Bebeto se decatou. Achegouse a trompicóns co balanceo dos seus pasos torpes e enfilou o chan con ollos de moucho. Despois olloume a min, a mirada estrañada e inocente, e con voz tarda e grumosa dixo: Esss-tá morrta? Eu enconllín os ombreiros e non dixen nada.

Diríxíndose ao grupo, comezou a berrar: Eeeh, viiin-de, viin-de aquí! Que pasa, Bebeto? E Bebeto apuntou co dedo índice ao vulto negro. Ess-tá morr-ta! Ess-tá morrta! Ess-tá morrta!, repetía cada vez máis alto. Achegáronse e pecharon un semicírculo arredor do animal. Os que estaban detrás estricaban o pescozo e erguíanse nas pontas dos pés. Todos gardabamos unha prudente distancia abesullando o segredo escuro da morte cunha mestura de curiosidade e respecto, de temor e fascinación. "É unha pega!". "Non, non, é un corvo!". Que máis dá!, as pegas e os corvos traen mala sorte -apuntou Chanín-, ventan a morte ou anuncian a desgraza dalguén.

Bebeto foise achegando amodiño e, con delicadeza, colleu o cadavre do paxaro. Arroupouno contra o peito e acariñoulle a cabeza balbucindo palabras que non chegaron a min. Tremíalle o beizo inferior e por un ángulo da boca pingáballe un fío de baba. Eu sentín pudor ante aquel cadro tan lastimoso coma conmovedor que provocou algúns risos nerviosos e o silencio da maioría.

A empurróns, Chanín abriuse paso ata o centro do semicírculo, enristrou por un brazo a Bebeto e bulrándoo arrincoulle o paxaro. Termaba del coma dun farrapo suxo, cun xesto de noxo e desprezo, beliscándoo coas pinzas dos dedos índice e polgar por unha ala que se despregou en abano. Visto así, cabeceante, co bico entreaberto e os ollos pechos amosaba máis a súa fraxilidade... Triste estampa a dun paxaro morto, pensei naquel intre... Vedes, é unha gralla! Puta que as pariu, traen mala sorte!, insistiu Chanín, que comezou a abalar o paxaro á altura dos ollos de Bebeto. Bebeto asistía a escena sen reaxir, paralizado, coa boca entreaberta e boquexando coma un peixe mentres o outro lle dicía: "Gralla que chía, morte na campía". "Viches, pero esta xa non pirla máis". E trazando unha parábola guindou o páxaro lonxe de nós por riba das nosas cabezas.

Vin as cuncas dos ollos de Bebeto a piques de rebordar, as súas mandíbulas tensas, os beizos a tremerlle, a lingua arqueándose, tentando cuspir palabras que batían contra os seu dentes e o padal. Eu sabía daquela súa impotencia e agardaba sen tardar o pranto convulso e desesperado do irmán, cando a súa boca ceibou un cuspiñazo seguido dun berro salvaxe, un bramar de boi ferido, ao tempo que asestaba unha cabezada contra o peito de Chanín. Chanín deu un paso atrás, cambaleou e foi bater coa cabeza contra a mesma parede de vidro na que se estampara a gralla. Esta vez non me deu tempo a pechar os ollos. Vin e oín o impacto. Tamén foi seco. A Chanín afrouxóuselle o corpo e derrubouse no chan de cemento coma unha monifate. Houbo uns segundos de consternado silencio, só o rumor do aire e o respirar bafexante e excitado de Bebeto. Logo a confusión, os berros, o nome de Chanín, todos arredor del: "Chanín! Chanín! Chanín!".

O patio quedou baleiro e a gralla, esquecida. E mentres Chanín coa morte nos ollos ía na ambulancia, Bebeto amortallaba o paxaro nunha folla de xornal onde se escribían os obituarios.

Nos outeiros marelecían as xestas e os toxos, e no cume dos montes derretíase a neve baixo a luz pura da primavera. Eu sentín frío.

Morte en primavera
Comentarios