Opinión

Qué e o Breogán?

Non vivín os máis de 50 anos do club, pero todos temos algún recordo do Breogán, dende o vello Municipal ata o Pazo dos Deportes

O BREOGÁN é un sentimento. Creo que este é un bo comezo. É un sentimento meu e dos demais. É un sentimento noso e do noso. Eu podo falar do meu, do que vivín e vivo. Tamén podo falar do que me contaron, porque non vivín os máis de 50 anos do club, porque tamén forma parte de min e porque é parte de todos nós.

Creo que poucos son os lucenses que non tiveron nalgún momento unha experiencia relacionada co Breo. Co noso Breo. Sentímolo tan noso como a muralla.

Algúns recordan os inicios, outros recordamos os partidos no vello Municipal e moitos empezaron a gardar os seus recordos no Pazo. Non importa a cantidade de anos que leves atesourando vitorias e derrotas, ascensos e descensos, momentos acertados con outros que non o foron tanto. Ao final o que importa é que nos sentimos parte do club.

Falamos dos xogadores e do equipo sentíndonos parte del. Falamos de que hoxe xogamos partido. Tamén dicimos que gañamos ou perdimos ou que imos voltar axiña á máxima categoría, que é onde merecemos estar. O equipo e nós. Porque o Breo tamén é un pouco noso.

Tiven a inmensa sorte por diferentes motivos, ao longo de toda a miña vida, de poder estar moi preto do club. E a sensación de sentimento é igual dende fóra que dende dentro. É moi gratificante cando xogadores que vestiron a celeste seguen o día a día do equipo e se interesan por como van as cousas por aquí. Eles entenderon o que é o Breo. Algúns outros non. Mágoa.

Mira que é complicado explicar isto do Breogán! É algo que se aprende cando se vive e se comparte e solo se comprende cando se experimenta.

Eu creo que aí está a clave de todo. Non é unha paixón por unhas cores, que tamén. É algo que vai máis aló. Algo que traspasa esa posibilidade tan humana, pero tan difícil, de poder explicar o que é un sentimento. É casi como explicar o que é a morriña.

Seguro que moitos tivestes que contar o que é o Breo. Foi doado? Abofé que non! Poñamos que hai que explicarlles aos recén chegados ao club, que non son de Lugo, ese sentimento. Fácil? Por suposto que non.

É inexplicable que en redes sociais un club dunha pequena cidade esté posicionado en Twitter dentro dos dez equipos europeos de baloncesto en interaccións. Ou que xenere a cantidade de fíos con opinións para todos os gustos. E que dicir de Máximus! A masa social dunha cidade que non chega aos cen mil habitantes foi quen de ter cheo o Pazo en cada partido da tempada 2018-2019 . Esto é complicado de entender. Pero somos o Breo. Estamos agora inmersos nunha ampliación de capital e estou convencida de que esa masa social responderá e será todo un éxito. Despois duns meses complicados e co descenso consumado queda facer o que sempre fixemos: loitar e voltar á máxima categoría que tanto merecemos. E ti, de quen vés sendo? Do Breogán. Do sentimento. Sempre.

Comentarios