Opinión

Que pasará o 26-N?

ESTE 25 de novembro sairemos a rúa unha vez máis para visibilizar e poñer o acento sobre a gravísima situación que viven miles de mulleres vítimas de violencia de xénero. Pero que facemos o resto dos 364 días?

No ano 2004 entrou en vigor a primeria Lei de Violencia de Xénero; xa todas as administracións contan con partidas orzamentarias, con observatorios, con áreas específicas destinadas a este fin, pero as cifras despois de 14 anos seguen a ser arrepiantes en todo o territorio nacional. Só en Galicia, as mulleres vítimas en 2017 aumentaron máis dun 17% respecto ao ano anterior.

Algo está a fallar, e sobre isto deberiamos facer unha profunda reflexión.

Realmente todos eses medios e recursos, seguramente insuficientes, estanse a empregar de xeito eficiente?

Somos unha sociedade que presume de avanzada, plural, demócratica, feminista, comprometida… pero, seguramente hoxe en calquera vila de Galicia, unha muller aínda dubida se debe ou non denunciar e iniciar un camiño cheo de trabas e medos que condicionarán o resto da súa vida. Dise que as que o fan son unhas valentes. Valentes por non ver perigar a súa vida, e a dos seus fillos en moitos casos. E é así, polo que, de certo, algo está a fallar.

O ano pasado firmouse o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que Ciudadanos defendeu desde o primeiro momento.Para nós é primordial que exista un compromiso unánime de todos os partidos para rematar con esta lacra social, e para traballar a prol dunha igualdade real entre homes e mulleres. Máis de 200 medidas e 1.000 millóns de euros que non deben quedar reflectidos só nun papel que o aguanta todo. O importante é que todas esas medidas, que supoñen un primeiro paso, se cumpran. Esixen compromiso e responsabilidade por parte de toda a sociedade e de todas as administracións para que realmente se consigan acadar os obxectivos firmados e se poida chegar a erradicar dunha vez por todas a violencia de xénero.

Son muller, nai e tamén política. Tres responsabilidades que xogan un papel fundamental na sociedade e que marcan moitas das decisións que tomo no meu día a día.

Como muller, defendendo a nosa valía e a nosa capacidade. E recoñecendo que neste traballo diario cara a igualdade tanto homes como mulleres debemos ir da man.

Como nai, educando o meu fillo fora de estereotipos e diferencias. Quero que poida medrar crendo na tolerancia e no respeto como valores primordiais que contribúen a unha sociedade onde a igualdade real non pareza un imposible.

E como política, traballando non só para saír detrás dunha pancarta nunha data sinalada, senón para que todos os días sexan 25 de novembro e para poñer en marcha iniciativas e medidas eficaces que redunden nun país no que ningunha muller siga formando parte de estadísticas, observatorios ou plans, simplemente porque co bo facer de partidos políticos, entidades sociais e mulleres e homes en xeral faga posible que avanzemos na dirección axeitada.

Este é o meu desexo e o meu compromiso neste 25 de novembro.
 

Comentarios