Opinión

Altri, unha bomba ambiental no corazón de Galiza

Una pancarta contra Altri en la charla de este miércoles en Palas de Rei. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Una pancarta contra Altri en la charla de este miércoles en Palas de Rei. VICTORIA RODRÍGUEZ

A empresa portuguesa Altri, en alianza con Greenalia, quere instalar no Concello de Palas de Rei unha fábrica de celulosa. Un complexo industrial que ocupará 360 hectáteras de terreo na contorna da Serra do Careón, un lugar de enorme valor ambiental e ecolóxico pola biodiversidade que garda. Tan importante é ese espazo que a Xunta de Galiza ía catalogalo como Rede Natura en 2011, alguén debería explicar no Partido Popular por que paralizaron ese proceso.

Imaxino que quen nos le escoitaría falar moito ao goberno da Xunta dunha fábrica de fibras téxtiles pero o certo e verdade é que coa documentación feita pública o único obxectivo da empresa é producir 400.000 toneladas de celulosa para exportación. Para conseguilo Altri pretende cortar 2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ao ano e captar do encoro de Portodemouros 535 litros de auga por segundo, ou o que é o mesmo, 46 millóns de litros ao día, máis do que consumimos as 350.000 persoas que vivimos na provincia de Lugo.

Só con estes datos é difícil encaixar nos adxectivos de 'verde' e 'sustentable' unha fábrica destas características mais, por se non fose suficiente, a empresa recoñece que verterá unha parte importante da auga utilizada no proceso industrial, altamente contaminante, de novo ao río Ulla o que incrementará a temperatura do río, segundo a información proporcionada pola propia empresa, en tres graos.

Subir a temperatura do Ulla e contaminar a súa auga non inflúe só nas poboacións da súa contorna, tamén afectará á súa desembocadura na ría da Arousa onde catro mil familias viven do sector pesqueiro e marisqueiro.

O proxecto de Altri é o oposto ao modelo de desenvolvemento industrial que defendemos desde o BNG, por iso nos opoñemos a esta fábrica de celulosa que carrexará un enorme impacto no medio, na auga, no territorio e no tecido socioeconómico da Ulloa e da Arousa.

Estes días, desde o Goberno do Partido Popular na Xunta insisten recorrentemente en que esta fábrica de celulosa traería riqueza a unha comarca do país, A Ulloa, que segundo eles está empobrecida e deprimida. Como pode ser pobre unha comarca inserida na segunda denominación de orixe máis produtiva de España? Como pode ser pobre unha comarca que produce leite, queixo, ovos e acolle empresas deportivas e turísticas punteiras a nivel europeo?

Que visión ten o Partido Popular dun país rico? Aquel que vende os seus recursos naturais a un puñado de empresas e que deixa á xente que vive nel só contaminación?

Somos un gran país, non deixemos que o destrúan.

Comentarios