Blog | Nube tóxica

Mark Lenders, Sandaza e Sísifo

VERÓNICA BOQUETE, a mellor futbolista galega desde Luis Suárez, adoita dicir que se houber un deus (ou deusa) sería mediocentro. Teño cobiza de lle preguntar se ten en mente un mediocentro arquitecto, enxeñeiro, artesán, carpinteiro, albanel e armador, como o Cristo de Palacagüina e o noso Carlos Pita, ou unha deidade destrutora e incansable, ao igual que Fernando Seoane.

O mesmo que no rocanrol son de baterías e baixistas, no fútbol adóitanme gustar porteiros e defensas. Xa desde os tempos de Campeones. Benji Price, Ed Warner e ata Bruce Harper eran ben máis interesantes que o pasmón de Oliver Atom. Como sempre hai excepcións -no rocanrol é George Harrison-, empecei a quererlle a Mark Lenders o día no que o coitado de Julian Ross se estomballou na nosa televisión antes da cea.

Mark Lenders, ou Kojirō Hyūga, que é como se chama o personaxe no manga orixinal, encarna todo o peor do arquetipo do malote que está moi bo e que ten o seu corazonciño. Amiga adolescente, os tíos chungos e agresivos polo xeral agochan tíos chungos e agresivos, por moito que Federico Moccia che diga que podes transformalos no príncipe azul. Por suposto que eu non sabía nada disto naquela altura: preadolescencia, chegada das televisións privadas, que me pasa e por que me atordan deste xeito os debuxos animados?

Campeones contábanos que Mark Lenders tivera unha infancia moi dura. Orfo de pai, empobrecido. Dependía dunha bolsa de estudos e do traballo infantil. Logo estaban as guedellas, as mangas da camisola subidas para marcar tríceps (a que viña pintarlle semellante masa muscular a un neno que supostamente estaba en primaria?). E o disparo do tigre.

O día en que Fran Sandaza foi presentado como xogador do Lugo en 2013 matinei en que pouco parecía un xogador deste tempo, da segunda década dos dousmil. O polo vermello sometido, os vaqueiros regular fit sen nocello á vista, aquela fivela do cinto, un peiteado que lembraba máis ao de Jose Mari Bakero que a calquera dos de Neymar.

A Lugo chegou recén aterrado de Glasgow. Parecía esponxarse cando Xeliños Calles le chamaba "o ranger"

Como Mark Lenders, Sandaza é un nove grande. Comezou a xogar no seu Toledo natal, pasou polas categorías inferiores do Valencia, acumulou cesións e, como tantos da súa xeración, futbolistas ou non, liscou para procurar os garavanzos. Xogou no Dundee, na Premier escocesa, e no Brighton da League One de Inglaterra. Regresou ao norte do muro de Adriano e fichou polo Saint Jonhstone de Perth, onde foi interceptado pola Policía cando conducía en sentido contrario, un despiste que se lle podería perdoar a calquera de Toledo nesa illa na que teiman en tomar as rotondas ao revés se non fose polo resultado do control de alcolemia preceptivo.

Un día petou o Glasgow Rangers á súa porta. Na carreira de Sandaza por fin se cruzaba un grande, aínda que acabase de ser refundado e obrigado a comezar desde a cuarta división. O nove de Toledo fora unha das fichaxes estrela. Alguén marcou o seu número de teléfono un día. Un taxista seareiro do Celtic, o eterno rival, que se fixo pasar por un axente de futbolistas. Sandaza contoulle o que cobraba e que xogaba por cartos, que iría aló onde lle mellorarsen as condicións. Nin é ilegal nin sequera inmoral, pero a conversa foi subida á internet e foi despedido polo seu pouco afecto ás cores.

A Lugo chegou recén aterrado de Glasgow. Parecía esponxarse sobre o céspede do Anxo Carro cando Xeliños Calles (que en paz descanse) lle chamaba "o ranger" pola megafonía. Foi unha tempada complicada. As leas con Setién, nocturnidades, aleivosías e fotografías con Aída Nízar.

A saída do Lugo estaba cantada e o destino foi Girona, un equipo que daba por feito o ascenso directo á Primeira e ao que un gol postrimeiro de Pablo Caballero -o substituto de Sandaza no Lugo- deixaría aos cataláns en Segunda un par de tempadas máis.

Un curso na J1 League de Xapón no FC Tokyo e Sandaza está de volta en Girona, por fin en comuñón cos seareiros. Desta vez semella que non se lles escapa a praza na Liga poña-aquí-o-nome-do-banco-que-patrocine-a-primeira-atempada-que-vén. O luns, un seu compañeiro de equipo, Aday Benítez, partillou un vídeo onde se escoita a versión futboleira (e menos educada) de "para beber viño apúntase todo o mundo, o conto é para botar o sulfato" dedicada á afección.

Unha opinión lexítima, por outra parte, que ninguén sabe moi ben quen expresou. As miradas volvéronse a Sandaza. O pasado. Sísifo. Polo camiño, un seareiro do Sporting destapou un Sandaza leaks que fala de supostos perfís falsos en Twitter do xogador para animarse a si mesmo e cuestionar os adestradores e compañeiros. Sandaza está feito de material de futbolista analóxico, dos de antes de internet. Cando xogaba no Lugo, puxera a Mark Lenders como avatar na súa conta -alomenos na oficial- de Twitter. O mesmo Mark Lenders de Campeones que fichou pola Juventus sen moita fortuna e rematou por ser cedido á Reggiana, da Serie C italiana. Sísifo.

Comentarios