Opinión

A medida é o Oso de Salcedo

Acábome de decatar dunha moi mala noticia, o Oso de Salcedo non sairá de novo este ano por culpa do coronavirus. É o termómetro inequívoco de que a pandemia aínda non rematou, que non nos enganen. A lonxitude usa como unidade o metro, o volume o litro, a forza o newton... e a ledicia desenfadada o OS (Oso de Salcedo).

Xa que logo, quedaremos sen o marabilloso espectáculo do fero animal e os seus  secuaces, espindo e tinguindo a quen ouse cruzarse no seu camiño. Que gran envexa me deu sempre esa indómita besta, ho! Poder coller a ese veciño  choromicas e un día, aínda que só sexa un día, emporcallalo coma se non houbera un mañá. «A ver se pra o ano», din por Montirón.

Comentarios