Opinión

Doucement, doucement

Contábame o meu tío Pepe que cando emigrou a Bélxica en busca dun futuro mellor alá polos anos 60, pasounas canutas na fábrica onde traballaba. O encargado achegábaselle a diario e dicíalle "doucement, doucement", sinalándoo co seu dedo inquisidor. Pepe, un recén chegado que descoñecía por completo o francés, pensaba que o estaba reprendendo e apresuraba cada vez máis e máis. E así un día tras outro. 

Ao chegar a casa, esgotado e apesarado, dicíalle á súa muller: "Ai, Obduliña, eu traballo arreo pero o capataz ségueme dicindo 'máis rápido, máis rápido' sinalando para min. Se isto non muda, non sei que faremos. Teremos que coller a bagaxe e liscar de aquí". O destino —o bo— quixo que ao día seguinte un compañeiro máis veterano na empresa, tamén español, contemplase o panorama e, á fin, clarificouse todo. Aclaroulle que o xefe non quería que apurase máis senón todo o contrario, que aquela expresión "doucement, doucement" significaba "amodo, amodo". Miña xoia. Vaia alivio levou!

Corren tempos sombríos para a emigración en todo o mundo. En España tamén

Esta traxicómica anécdota, que o meu tío repetía sempre que nos viamos para sacarme unha gargallada, reflicte como foi —e aínda é— a vida do emigrante. Xente que o deixa todo para buscar unha vida mellor e marcha a outro lugar, moitas veces descoñecendo por completo a súa lingua, cultura, costumes, etc. Poucos galegos non teñen un tío Pepe entre os seus achegados, en Suíza, Alemaña, Francia, América, Cataluña, Madrid...

Corren tempos sombríos para a emigración en todo o mundo. En España tamén. Os gobernos e partidos radicais —aquí Vox coa incrible aquiescencia ás veces do PP— arengan ás masas con que nos rouban o traballo, supoñen un lastre para a Sanidade e o estado de benestar, delinquen máis e outras trangalladas. Tentan levantar un muro —mesmo físico— entre nós e eles. Pero quen é quen? Os que hoxe acollen pode que mañá teñan que marchar.

Non debemos esquecer de onde vimos e, xa que logo, empaticemos cos que veñen, algúns dende moi lonxe, procurando unha miola de pan. Oxalá sexamos capaces de dicir "doucement, doucement". Penso que reconforta.

Comentarios